|
A concelleira de igualdade, Ana Casal, presentou as actividades que se desenvolverán co gallo da conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller". Estas actividades realizaranse durante o mes de marzo e abarcan charlas sobre saúde, obradoiros, teatro, unha exposición e outros actos, algún deles cun carácter máis festivo. A principal novidade do programa de actos deste ano serán unhas visitas guiadas á cidade para escolares, nas que percorrerán lugares nos que as mulleres tiveron un papel importante ó longo da historia. Os percorridos, que terán lugar no mes de marzo e que se denominan Itinerarios da Igualdade, serán guiados polo experto en historia local Felipe Aira. As demais actividades son as seguintes: Celebraranse as III Xornadas de Prevención da Saúde na Muller, coa colaboración de especialistas que serán os relatores de dúas charlas sobre a alimentación e a insuficiencia venosa: • "A alimentación como medida saudable", xoves 11 de marzo ás 20:00 h. Casa da Cultura. Relatora, Dra. Rosa Burgo López (unidade de endocrinoloxía do Hospital de Monforte) • "Prevención e tratamento da insuficiencia venosa (varices)", xoves 25 de marzo ás 20:00 h. Casa da Cultura. Relatora, Dra. Eva Pérez Carballo (servizo de cirurxía vascular do Hospital Xeral de Lugo)
Obradoiro de "Autocoñecemento", dirixido a mulleres.
Obradoiros de sensibilización en materia de igualdade. Realizaranse nos centros de educación secundaria de Monforte ó longo do mes de marzo.
Modificación da iluminación de monumentos e edificios emblemáticos da cidade co gallo do Día Internacional da Muller. Levarase a cabo ó longo de toda a semana do 8 de marzo.
A concellería de igualdade, a través do CIM, tamén colabora na realización da Cea de Confraternidade, que se celebrará o sábado día 6 de marzo, organizada polos distintos colectivos de Monforte para conmemorar o "Día Internacional da Muller". Durante a celebración da cea farase un recoñecemento especial ó traballo da matrona Blanca García, agora retirada pero que exerceu a súa profesión no Hospital Comarcal.
O propio luns día 8 de marzo o Grupo de Teatro de Maiores do Concello representará na casa da Cultura, ás 20:00 horas, a obra "Mulleres, mulleres, mulleres".
O martes día 2 de marzo, ás 20:00 horas, inaugurarase na Casa da Cultura a exposición "O Magreb con ollos de muller", exposición realizada en colaboración con Solidariedade Internacional,
En colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e co CCU de Monforte, distribuiranse en varios establecementos comerciais e hostaleiros siluetas femininas que reflicten os distintos estereotipos de xénero que sofren as mulleres.
Finalmente, entre o público asistente ós diversos actos programados repartiranse lazos violeta que simbolizan a data da conmemoración |