|
A Concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, e Fernando Ibarra, da asociación Barcas do Minho, presentaron os paseos en barca polo río Cabe. Este ano os paseos poderán realizarse tódolos días da semana, en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30, en seis barcas construídas polo anterior obradoiro de emprego. Alicia Cadarso agradeceu o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Área de Cultura, e a colaboración de Barcas do Minho, para poder poñer en marcha esta actividade. A Concelleira comentou que ata o día 15 de setembro a cidadanía e os visitantes poderían gozar do río e destes paseos que, segundo subliñou, constitúen un atractivo máis da cidade. Alicia Cadarso dixo que o goberno municipal realiza actuacións de mellora no río e nas súas ribeiras tódolos anos, na medida en que o orzamento municipal llo permite. Fernando Ibarra agradeceu ó Concello e ó pobo de Monforte a boa acollida que teñen as propostas de Barcas do Minho. Lembrou que o pasado ano as barcas realizaran un total de 1.033 viaxes, o que considerou como unha moi boa aceptación da actividade. Fernando Ibarra dixo que cada ano había máis barcas e mellores instalacións, destacando tamén o feito de que este ano as barcas estean dispoñibles os luns. Segundo comentou increméntanse doce horas semanais os paseos en barca, ademais da primeira quincena de setembro na que tamén estarán operativas.
O prezo de cada barca por un paseo de trinta minutos é de 3 euros. |