NOTICIAS TerraDeLemos

MÚSICAS DO MUNDO
O verán é época de encontros, encontros de xentes e encontros de culturas. Dun encontro intenso coa músicas doutras terras poderemos gozar coa actividade Diversons Música para a integración organizada pola Delegación de Cultura de Monforte de Lemos e a Obra Social da Fundación "La Caixa". Dous concertos terán lugar na nosa cidade dentro desta actividade: o venres 6 de agosto iniciará este ciclo musical a formación Rumba Vella e o sábado 7 de agosto será a quenda de Lusofonías. Os dous espectáculos musicais terán como escenario a Praza de España a partir das 22:30 h.
Rumba Vella é unha formación que reivindica as rumbas clásicas, as de toda a vida, as que xa forman parte da nosa memoria cultural. Curiosamente entre os cinco compoñentes de Rumba Vella (Emili Calabuich, Jonathan Maya, Jack Tarradellas, Antonio Reyes e Nacho López) atopamos netos e bisnetos dos mestres que escribiron pezas emblemáticas como Caramelos, Achilipú ou Una lágrima caio en la arena. Quizá por esta circunstancia Rumba Vella se centrou no son máis tradicional da rumba. Rumba Vella amosa tamén a constancia que mantén a xente nova nos últimos anos en proxectos arredor da música creada polos xitanos de Barcelona, Mataró e outras cidades do noso país.
Lusofonías (Portugal), formación composta por Patricia Colaço, David Tavares, Coco Fernández e Francis Loque, naceu co obxectivo de traballar, dende unha sonoridade acústica, materiais distintos que tivesen como elemento común o idioma portugués, posiblemente un dos máis musicais que existen. A partir de aquí realizaron investigacións que os levaron a concentrarse no fado lisboeta, nos cantos tradicionais do Alentexo, na morna caboverdiana, no semba de Angola ou no choro carioca. Con propostas urbanas ou rurais, pausadas ou rítmicas, xenuínas ou mestizas, o universo musical lusófono está cheo de matices e sons de grande riqueza que este cuarteto pon, de forma impecable, ó noso alcance.

Volver

(c) TerraDeLemos.com - TaBloc