|
O concelleiro de Deportes, Xosé Lois Losada, presentou o IV Campus de Fútbol Cidade de Monforte, que se celebrará entre os días 2 e 6 de agosto no Estadio Municipal da Pinguela en horario de 10:00 a 13:00. O Campus está dirixido a rapaces e rapazas entre 7 e 14 anos e terá un custo simbólico de 10 euros por participante. A partir de hoxe día 12 de xullo e ata o día 30 de xullo estará aberto o prazo de inscrición na Oficina de Deportes do Concello, onde lle facilitarán toda a información e lle explicarán a maneira de abonar os 10 euros que custa participar no citado Campus. O Campus, que terá un límite de 80 prazas, está organizado polo concello de Monforte e conta co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración do Club C.P. Calasancio. Xosé Lois Losada dixo que este Campus tiña unha elevada cualificación e que sería dirixido por técnicos especializados do Real Club Celta de Vigo. O Concelleiro destacou a gran aceptación desta actividade, reflectida no elevado número de rapaces e rapazas que cada ano participan na mesma.
IV CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE
O Concello de Monforte organiza, baixo a dirección técnica do R.C. Celta de Vigo e a Fundación Celta de Vigo, o IV Campus de Fútbol Cidade de Monforte. Características da actividade:
A actividade terá lugar dende o día 2 ó día 6 de agosto en horario de 10:00 a 13:00 H. no Estadio Municipal de A Pinguela.
O campus está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos.
O número de prazas que se ofertan e de 80
Custe da actividade: 10 €
Información e matrícula: Oficina Municipal de Deportes
Obxectivos que se plantexan:
o Aprender e perfeccionar a técnica do fútbol mediante xogos e exercicios progresivos. o Desenvolver as capacidades físicas básicas de forma lúdica e multilateral. o Iniciar e perfeccionar a actividade deportiva colectiva do neno. o Desenvolver no neno unha actitude participativa e socializadora a través de diversos tipos de xogos participativos e de colaboración. o Que o neno aprenda divertíndose. o Mellorar nos hábitos de disciplina, adquirindo valores de respecto polos demais, polo material, polo cumprimento das tarefas, actividades e demais funcións a realizar.
Persoal altamente cualificado: a Fundación Celta de Vigo conta con persoal altamente cualificado para o desenvolvemento deste Campus. Estes son coordinadores e adestradores das categorías inferiores do R.C. Celta de Vigo, monitores licenciados en INEF e adestradores de fútbol titulados. |